Axenda, Destacado, Novas

European Féile (Berlín)

Berlín acollerá a segunda edición do maior campionato infantil-cadete de Europa de fútbol gaélico. Galicia repetirá participación con dous equipos.

Dende a Asociación Galega de Fútbol Gaélico temos a alegría de anunciar que, por segundo ano consecutivo, estaremos presentes no European Féile. Esta edición terá lugar na capital alemana o vindeiro sábado 25 de marzo.

O campionato está organizado polo equipo local, Setanta Berlin Gaelic Sport, nas instalacións deportivas de Olympic Park (Bezirk Charlottenburg-Wilmersdorf, 14053 Berlin, Alemaña), en colaboración Gaelic Games Europe (federación europea de fútbol gaélico). Existirán dúas competicións: unha destinada ao fútbol gaélico e outra ao hurling, o outro deporte gaélico que goza de enorme popularidade en Irlanda. Ao tratarse de categorías inferiores, ambas competicións xogaranse en formato mixto (equipos con mistura de nenas e nenos).

Galicia contará con dobre representación no fútbol gaélico. O colexio CPIP Antonio Orza Couto de Boqueixón (A Coruña) será o centro que representará as Gaélico Escolas no torneo. Un total de 20 rapazas e rapaces desprazaranse esta fin de semana a Berlín para participar nun evento que contará con equipos de Bélxica, Francia, Suíza, Alemania, Luxemburgo e Países Baixos.

Este centro está adherido ás Gaélico Escolas, programa de fútbol gaélico base promovido pola Asociación Galega de Fútbol Gaélico, que conta coa implicación de varios clubes e centros educativos de toda Galicia e que está en proceso de expansión. As Gaélico Escolas proporcionan sesións de introdución ao fútbol gaélico dentro das aulas, así como a organización de torneos interescolares. O pasado decembro organizouse o I torneo de Nadal .Gal no concello de Trazo, contando coa participación de centros escolares de dito concello, Urdilde e os nomeados de Boqueixón. A pasada semana estaba progamado un evento de similares características no Val Miñor, pero tívose que cancelar por inclemencias metereolóxicas.

A palabra Féile en irlandés significa festa ou festividade, e forma parte do termo -Féile na nGael- co que a GAA (federación irlandesa) denomina ao torneo que organiza anualmente para promover todos os deportes gaélicos, e que ten por obxectivo estreitar lazos entre comunidades e ser un día para celebrar, no que adoitan participar uns 25.000 nenos. Este torneo nace coa intención de ser un espello dese evento en Europa continental.

Coa asistencia a este torneo, o proxecto das Gaélico Escolas consolídase dentro do circuito europeo, permitindo as rapazas e rapaces competir e desfrutar desta marabillosa experiencia.

 

Dorrier explicativo do torneo