É un deporte moi completo
O fútbol gaélico xógase coas mans e cos pés, co que se traballa tanto o tren superior como o tren inferior. Comparte habilidades con outros deportes, pero tamén posúe habilidades únicas, como o “solo” ou o “crouch lift”.
Trátase dun deporte moi dinámico, no que o balón sempre está en movemento, e require dunha boa concentración e coordinación.


Baseado no respecto
Un dos pilares fundamentáis do fútbol gaélico é o respecto. O compañeirismo é un compoñente moi presente no noso deporte, no que cada membro do equipo está para apoiar aos outros.
Tamén é sagrado o respecto ao rival. No campo a intensidade coa que enfrontamos ao rival é total, pero todo o que pasa no campo queda no campo. Non en vano, ao remate do partido ambos equipos disfrutarán do popularmente chamado “terceiro tempo” en convivencia.
E por último, o respecto ao árbitro e demáis oficiais é total.

Compite a nivel galego ou internacional
Como tempada regular, en Galicia temos competicións propias entre os clubes galegos (Liga, Copa, etc.), que normalmente abarcan dende os meses de outubro a maio.
Mais o fútbol gaélico é un deporte cun marcado caracter asociativo e social. Durante a tempada terás oportunidade de competir contra equipos de toda Europa nos diferentes campionatos que se organizan habitualmente en formato sede (torneo dun día), coma o Campionato Ibérico (reúne aos equipos da Península Ibérica) ou o Campionato Europeo (no que poden inscribirse todos os equipos de Europa continental, teñan o nivel que teñan). A maiores, en Galicia estamos habituados a organizar torneos amigables de ámbito internacional, convidando a equipos de Irlanda e outras partes de Europa.
E, como non, tamén podes aspirar a competir coa Selección Galega nos torneos máis esixentes como Europeos ou Mundiais de fútbol gaélico.

Deporte amateur
O fútbol gaélico é, por definición, un deporte amateur. Isto implica que todos os xogadores, incluídos os pertencentes aos mellores equipos de Irlanda, non poden cobrar por xogar. Ademáis, un xogador só defenderá as cores do equipo da súa vila (de feito están prohibidas as fichaxes).
O vínculo clube-xogador é tan forte, que resulta inconcebible pensar en xogar noutro clube: a maior honra é defender as cores do propio clube e, chegado ao caso, o teu propio condado.